
ATTAC: Movemento internacional de cidadáns para o control
democrático dos mercados financieiros
e as súas institucións
A globalización financeira
erixe o interese económico en ben supremo e, con absoluto desprezo aos dereitos
dos pobos, impón a procura do beneficio como norma absoluta de todas as
sociedades; as consecuencias son ben patentes: o agravamento en todo o mundo
dos desequilibrios económicos, ecolóxicos sociais e culturais, e a cada vez
máis preocupante limitación dos controis que corresponden ás institucións
democráticas, que adoitan seren substituídas por mecanismos e lóxicas
estrictamente especulativos que só expresan os intereses das empresas
transnacionais e dos mercados financeiros.
Os grupos de interese, os
especuladores e os axentes financeiros arrebatan o poder aos cidadáns tentando
reducilos á simple condición de consumidores e, deste xeito, incapacitalos para
decidir o seu propio destino, a prol dunha transformación presentada como
inevitable lei natural polo ‘pensamento único’, e difundida reiteradamente
polos grandes grupos mediáticos. Estase a xerar unha situación de frustración e
impotencia que, xunto á cada vez maior desigualdade nas distintas zonas do
planeta e ao deterioro crecente dos dereitos e conquistas sociais logrados ao
longo do século XX, é o mellor caldo de cultivo para o crecemento dos valores
individualistas, xenófobos, insolidarios e antidemocráticos.
A liberdade total de
circulación de capitais, os paraísos fiscais e o crecemento acelerado do volume
das transaccións especulativas arrastran aos Estados, ás rexións e ás cidades a
unha vergoñenta carreira por gañar os favores dos grandes inversores. Esta
insensata competencia leva ao desmantelamento deliberado das bases legais,
políticas e sociais dos Estados para facilitaren as inversións. En nome do
“progreso’, case dous billóns de dólares van e veñen cada día á procura dunha
ganancia rápida nos mercados de cambios, perseguindo un beneficio instantáneo
que non garda relación algunha nin coa inversión productiva nin co comercio
real de bens e servicios. Ante este delirio especulativo cada vez resulta máis
difícil distinguir entre transaccións legais e ilegais, inversión e branqueo de
diñeiro, comercio e criminalidade organizada. As consecuencias máis patentes
deste proceso son o crecemento continuado das rendas do capital en detrimento
das do traballo, a evasión sistemática de impostos e, en xeral, a extensión da
pobreza e a xeneralización da precariedade e a exclusión en todo o mundo, mesmo
nos países desenvolvidos.
A comezos do século XXI,
paradoxicamente, o destino da humanidade depende máis que nunca dos dictados
dunhas institucións económicas (FMI, OCDE, OMC, Banco Mundial e os respectivos
bancos centrais) escasamente democráticas, que tentan controlar o mundo desde a
súa condición de representantes do poder financeiro.
Cómpre deter este proceso
mediante unha resolta acción cidadá de carácter cívico e participativo. A
tarefa máis urxente consiste en crear instrumentos eficaces de regulación dos
mercados a escala internacional. Contra o fatalismo, cinicamente instaurado
polos propios dirixentes dese “goberno do diñeiro supranacional”, xorden tamén
alternativas esperanzadoras que nos levan a retomar a certeza de que outro
mundo é posible.
ATTAC, movemento plural,
democrático e participativo, ten por finalidade loitar para devolver o poder á
cidadanía, que é a súa depositaria lexítima en toda democracia, e colaborar no
perfeccionamento do control democrático dos seus representantes. Sobre a base
desta finalidade, perseguimos artellar mecanismos democráticos de regulación e
control dos mercados e do sistema financeiro internacional, e impulsar e
fortalecer o desenvolvemento dunha opinión pública independente, activa e ben
informada.
Facemos nosos os obxectivos
da Plataforma internacional ATTAC. E con ese fin propoñémonos participar e
cooperar co resto do movemento para debater en común, producir e difundir
análises, actuando conxuntamente tanto dentro de cada un dos nosos respectivos
países como a escalas máis globais. Estas actividades terán inicialmente como
guía:
·
pórlle
trabas á especulación internacional
·
sancionar
os paraísos fiscais
·
impedir
a xeneralización dos fondos de pensións
·
promover
a transparencia dos investimentos nos países empobrecidos
·
establecer
un marco legal para as operacións bancarias e financeiras, co obxecto de non
penalizar os consumidores e os cidadáns (os asalariados das institucións
bancarias poden xogar un papel importante no control destas operacións)
·
apoiar
a reivindicación da anulación xeral da débeda pública dos países empobrecidos e
o uso dos recursos así liberados en favor das poboacións e do desenvolvemento
sostible, o que moitos chaman o pago da “débeda social e ecolóxica”.
De maneira xeral, trátase
de:
·
Recuperar
e ampliar os espacios democráticos perdidos polas colectividades en beneficio
do poder financeiro.
·
Opoñerse
a toda nova renuncia de competencias por parte dos Estados que tenda a
privilexiar o dereito dos inversores ou mercaderes.
·
Definir
e construír, en suma, unha orde socioeconómica máis democrática a escala
mundial.
Estes obxectivos, presentes
con anterioridade na conciencia crítica de multitude de cidadáns, conflúen e
vanse configurando en diversas plataformas locais, rexionais ou nacionais, nas
que se propón a implantación da Taxa Tobin como mecanismo para frear a presente
volatilidade nos movementos de capitais, que desestabiliza os países. Neste
senso, traballamos para a declaración de municipios Tobin e a implantación
dunha Eurozona Tobin.
Convocamos a cantas persoas
desexen sumarse -igual que o están a facer outras decenas de miles por todo o
mundo, participando con múltiples redes e grupos de información, estudio ou
debate en campañas de ámbito tanto local como estatal ou internacional- e incorporarse
ás accións cívicas que promovemos desde esta Plataforma de ATTAC Galicia.
Este chamamento inscríbese
dentro do espírito da Declaración Universal dos Dereitos Humanos proclamada
pola ONU en 1948, que reafirma incluso a lexitimidade do “supremo recurso a
rebelarse contra a opresión”, xa que a cidadanía ten hoxe tanto o dereito como
todo un deber ético para exercitar a súa resistencia contra a dictadura dos
mercados.