Novas nº 2 - maio 2002
Boletín informativo 
de ATTAC-Galicia

 

 

 

 

 

A TAXA TOBIN: NADA É PERFECTO


Desde a perspectiva de ATTAC a taxa Tobin -sen desbotar, de ningures, a súa validez- necesita dalgunhas contribucións complementarias para que a súa implantación actual sexa posible.Vexamos cales

1.- En relación ó seu carácter permanente e universal. Mr. Tobin subliña a necesidade de que sexa aplicada a "escala mundial" ou polo menos nos países do G7 xunto a outros países importantes da esfera financeira -Singapur, Hong Kong, Suíza...- Isto suscita a esixencia dun control democrático polas institucións internacionais encargadas de recadar esta nova taxa fiscal e de establece-los usos a que irá destinada: algo que a curto e medio prazo semella inviable. Nembargantes outras alternativas son posibles: unha aplicación en dous tempos da taxa Tobin.

1.a.- Unha primeira iniciativa que parta dunha rexión transnacional coma Unión Europea, para estenderse despois a toda Europa, consistente na aplicación da taxa a tódolos países interesados -creando así unha " zona Tobin"- cun importe reducido a nivel interno pero mais elevado para as transaccións exteriores.
(Sabemos que tanto a Acta Única Europea como o tratado de Maastricht prohiben "o control de cambios", polo que para que a aplicación da taxa Tobin fai necesaria unha revisión dos tratados: somos conscientes desta dificultade, que non imposibilidade. Malia a instauración da "moeda única" favorece a aplicación desta medida, non soamente ó suprimi-la especulación entre as moedas dos países membros no interior da zona euro, senón ó facilitar unha aplicación da Taxa Tobin a tódolos países sen desencadea-la especulación no interior da Unión Europea: bastaría con grava-los movementos especulativos a súa entrada e saída do territorio europeo. Os ingresos que a Unión Europea obtería diste imposto sobre os movementos especulativos poderíanse destinar a incrementa-lo presuposto comunitario, fundamentalmente ó apartado dos fondos estructurais -velaí cómo Galicia pode saír mayormente beneficiada da implantación da Taxa Tobin na Unión Europea ó ser unha das rexións preferentes na aplicación dos fondos estructurais europeos-.

1.b.- Unha segunda e definitiva iniciativa que tería lugar unha vez adheridos os principais países e cando se aplicaría unha soa e mesma taxa a todos.

2.- En relación a súa eficacia. Nos seus bosquexos orixinais a taxa Tobin resulta eficaz fronte a ataques especulativos de baixa dimensión pero semella, por si soa, impotente a carón de entradas masivas de capitais especulativos e/ou de ataques meirandes que desemboquen en fugas de capitais.
Para evita-los problemas derivados de grandes operacións especulativas cómpre establecer, por parte das respectivas administracións -nacionais e/ou internacionais- medidas complementarias de control dos fluxos -entradas e saídas de capitais- entre as divisas estranxeiras e a moeda atacada, ben con carácter excepcional ben con carácter permanente, algo que xa fixeron no seu día primeiro Francia, e posteriormente algúns paísesdo Sueste Asiático (China, Taiwan e Malaisia) e de Latinoamérica (Chile, Colombia....) conseguindo así verse menos afectados pola crises nas súas áreas. A Unión Europea recolle no tratado de Amsterdam esa posibilidade -artigo 59- e mesmo o propio FMI chega a admitir a eficacia dista medida.

2.a.- Limitación das entradas de capitais a curto prazo na zona Tobin -capitais que provocan unha sobrevaloración da taxa de cambio poñendo freo ás exportacións e estimulando as importacións, co subseguinte déficit comercial, impulsando os créditos estranxeiros, a suba das taxas de xuro, o crecemento do desemprego, a devaluación e a conseguinte fuxida de capitais...- : Chile -1.991/97-, Colombia -1.993/96-..., adoptaron medidas deste tipo que se ben tiveron a curto prazo un efecto feble sobre a taxa de cambio favoreceron, nembargantes, un crecemento medio superior, víndose estes países menos afectados polas repercusións da crise financeira mexicana de 1.994-95.

2.b.- En relación ás saídas de capital e fronte á posible "fuga de capitais" compre aplicar unha política de "control dos cambios" restrinxindo a liberdade de compra e venda de moeda local co gallo de previr/dificultar unha fuga de capitais que se poida traducir nun afundimento da taxa de cambio: Malaisia -1.997-.... conseguiu, deste xeito, deter a taxa de cambio, impoñer unha baixa no tipos de xuro que posibilitou frea-la creba industrial e financeira e a caída do0 emprego, estabilizando a súa economía, en contraposición coa grave situación en que caeron os outros países do Sueste Asiático que non adoptaron medidas similares.

3.- A súa aplicación territorial. A taxa tal e como a concibiu Mr. Tobin está pensada para a súa aplicación polos países ricos -EEUU, Xapón, Gran Bretaña....- onde se realizan o esencial das transaccións financeiras. En ATTAC, nembargantes, pensamos que na aplicación da taxa Tobin débese busca-la implicación dos países emerxentes e do terceiro mundo. A taxa Tobin debe ter unha vocación universal: integrar mediante a negociación ó conxunto de gobernos doplaneta, nunha dinámica coordinada de reconstrucción dun sistema financeiro e monetario mundial estable. As dificultades da súa posta en execución non son tanto técnicas como políticas.

4.- A súa implantación e os "paraísos fiscais". A posta en execución da taxa Tobin esixe enfrontarse ós paraísos fiscais: a Unión Europea debería, dende xa, tomar medidas contra aqueles estados e outras entidades políticas situadas no seu propio territorio, ou que manteñan relacións estreitas con ela, e que sirvan de refuxio ós capitais especulativos e ó diñeiro proveniente de tódolos tráficos.


Manuel Barbeitos Alcántara.
ATTAC Galicia

 

 

 

 

O PAI DA TAXA


O luns 11 de marzo, á idade de 84 anos falecía James Tobin, premio Nobel de Economía en 1981. O seu nome vén asociado á proposición dunha taxa -a taxa Tobin- que, polo seu incrible destino político e mediático, conseguiu ocultar un extenso traballo que abarca tódolos aspectos da política económica.
James Tobin nacera o 5 de marzo de 1918 en Illinois. De pais traballadores, relacionado un co mundo do xornalismo e a outra coa realidade dos Servicios Sociais (a súa nai era asistente social) nuns EEUU dos anos 30, aspectos ambos que lle marcaron unha arraigada vontade de combater a pobreza. Tobin fixo o seu doutoramento en Harvard e ocupou cátedra en Yale desde 1950 a 1988. Posto que non deixou nunca, salvo o período de 1961-1962 cando -ser liberal obriga- foi conselleiro de Kennedy, convén aclarar que Tobin foi un liberal en tódolos sentidos do termo, no significado europeo polo seu rexeitamento ó proteccionismo e da estatalización da economía, no sentido americano pola súa pertenza á esquerda reformista, o outro período de abandono da súa cátedra foi en 1972 para ensinar durante un ano en Kenya, imbuído da vontade de axudar nos seus comezos, ós xoves africanos que se independizaran.
É precisamente o ano 1972 aquel que se volverá decisivo para facer de Tobin a referencia popular que o seu nome ten hoxe. Nixon decide abandonar a referencia do dólar ó ouro, en 1971 e a crise monetaria se amplifica. Para Tobin, os Bancos Centrais deben ou ben renunciar as paridades fixas, ou ben, se pretenden conservalas, reforzarse como Entidades decisorias. Para contrarrestar a especulación, Tobin propón engadir á alza dos tipos de xuro e á utilización das reservas en divisas unha nova ferramenta de natureza fiscal. Avanza a idea de impor unha taxa sobre os movementos de capitais a curto prazo, da orde do 1% coa finalidade do penalizar ós especuladores. A TAXA TOBIN acaba de nacer.
A súa vontade de reforma e a súa preocupación por ser útil exérceas a través do seu traballo e polas súas publicacións, unha suma que alcanza os dezaseis libros e máis de catrocentos artigos. Unha obra sen fisuras na súa fidelidade a Keynes, do cal retén a denuncia que o inglés realiza sobre os desastres da deflación, así como tamén a eficacia que deben conseguir as políticas orzamentarias. Nesta materia traballa os textos keynesianos e constrúe, durante o seu paso pola Casa Branca, os conceptos modernos da política económica: definindo a producción potencial, que corresponde á producción obtida en situación de pleno emprego e en ausencia de inflación, e como consecuencia o saldo orzamentario do pleno emprego que é o déficit orzamentario permitindo alcanzar aquela producción potencial. En 1977, un dos seus artigos outorga título de nobreza ó Nairu, o que é o mesmo, a cota de desemprego mínimo nunha economía sen inflación. O pensamento económico agradecerá tamén o chamado efecto Mundell-Tobin, que nos descubre que en períodos de inflación a preferencia polos bens materiais se fai en detrimento dos monetarios, ou tamén o chamado "cociente Tobin", que permite modelizar o comportamento inversor das empresas.
Demócrata nos EEUU, social-demócrata en Europa, James Tobin permaneceu ata os seus últimos días fiel ás súas ideas, afastado dos efectos das modas. Algo que se facía evidente en cómo levaba o difícil acomodo coa súa notoriedade actual. A de comprobar que unha árbore cargada de froitos que el vía cada vez máis envelenados conseguía ocultar a fraga dunha vida de investigación.


Manuel Martínez Barreiro. Membro de Attac-Galicia

 

 

 

ENTREVISTA A BERNARD CASSEN, PRESIDENTE DE ATTAC FRANCIA
Carlos Enrique Bayo. El Periódico de Catalunya o 17-03-2002

Idade: 64 anos
Lugar de nacemento: París
Profesión: Xornalista, Director Xeral de "Le Monde Diplomatique"
Estudios: Licenciado en literatura e profesor universitario
Outros cargos: Asesor do Ministro de Tecnoloxía francés Jean Chevenement (1981-1985)

-¿É verdade que pagamos cara a falta do mercado único eléctrico e que a competencia abaratará as tarifas enerxéticas e mellorará o servicio?
[...]- Non existe ningunha proba científica que avale esa tese de que liberalizar levará a un mellor servicio e prezos máis baixos. Todo o contrario, en California fixo subir as tarifas un 300% e causou apagóns ata en Silicon Valley.

-¿Por que non funciona a privatización nese sector?

A electricidade é un servicio moi especial, que require inversións a 20, 30 ou 40 anos vista, que ha de ter garantido o abastecemento e que, por tanto, non pode quedar en mans privadas. O afán por liberalizar ese sector enerxético é unha posición puramente ideolóxica, sen ningún argumento técnico, igual que a dos ferrocarrís en Inglaterra foi unha catástrofe (non só en custos, senón tamén en accidentes con víctimas) e a da auga corrente en Francia encareceu o abastecemento. Nin sequera demostrou ninguén que liberalizar o comercio beneficie ós consumidores
.
-Entón, ¿por qué puxeron tanta énfase os xefes de Estado e de Goberno na liberalización do sector enerxético?
Porque están frenéticos por destruír o pouco que queda do Estado do benestar. Queren destruílo. As súas motivacións son ideolóxicas, sen máis reflexión, e por outra parte están totalmente ó servicio das grandes empresas. Fai pouco, Prodi dixo que se non liberaliza a electricidade, a UE vai perder a súa credibilidade... ¡Ante os mercados financeiros! ¿Quen fixou os mercados financeiros como criterio de credibilidade? En realidade, este movemento de liberalización é totalmente contrario ó que pide a xente, ata o punto de que Chirac prohibiu ó seu staff mencionar a palabra liberal para non perder votos.

-Pero a xente vota ós gobernantes partidarios de liberalizar, como Aznar, Blair ou Berlusconi.
- Le Monde acaba de publicar un informe no que os mercados financeiros cualifican como igualmente liberais a Chirac e a Jospin. Ademais, o socialista Jospin privatizou no seu mandato o dobre que os seus antecesores de dereitas. Non hai alternativa política e en Francia un 40% dos electores manifesta non querer votar nas presidenciais, que son as eleccións con maior participación. Agora hai unha campaña para que se contabilicen os votos en branco, ante o enorme desprestixio dos partidos tradicionais.

-¿Cre que o eixo Aznar-Blair-Berlusconi pode desbancar ó eixo franco-alemán no proceso de construcción europea?
Certamente, é un eixo forte, e unido, porque os tres son reaccionarios. Aínda que hai que dicir que son fieis ás súas promesas electorais. Pero trátase dunha alianza no ámbito económico e social. Non hai un só eixo en Europa que sexa válido para tódolos sectores, senón varios deferentes, segundo se trate de política exterior, construcción europea, etcétera. Agora ben, eses tres si que manteñen posicións vergonzosas totalmente antieuropeas. Están ó dictado de EEUU e parecen sentirse como os sen papeis, pero neste caso como sen pasaportes estadounidenses.

O economista James Tobin repudiou, antes de morrer, que ATTAC use a taxa que leva o seu nome.
A el nunca lle pedimos que nos apoiase. Nós só empregamos a súa idea como un concepto técnico inventado por el, non pola súa personalidade. Para el, a taxa Tobin só serviría para estabilizar os mercados financeiros, mentres que para nós ha de servir tamén para loitar contra a pobreza, a fame, a sida...

Pero, ¿van modificar esa campaña ou deixar de utilizar o seu nome?
En ATTAC temos tamén moitos profesores de Economía, aínda que non sexan premios Nobel, pero empregamos o concepto de Tobin, que é técnico, porque resulta moi pedagóxico: todos entenden que se os particulares habemos de pagar comisión por cambiar divisas, non pode ser que os grandes inversores internacionais cambien billóns en divisas, para obter inmensos beneficios con esa especulación sen pagar ningunha taxa.

-¿Debilitouse o movemento antimundialización tralos atentados do 11 de setembro?
Nós condenamos tódolos actos terroristas e especialmente a traxedia das Torres Xemelgas, pero si intentaron criminalizar ós grupos antimundialización, equipararnos a antiamericanos e, por tanto filoterroristas. Pero esa política de Bush está reforzando o movemento, porque é unha caricatura de todo o que denunciamos.


Esta entrevista foi publicada en El Periódico de Catalunya o 17-03-2002.


 

 

EUROPA, CANDO MÁIS É MENOS


A pesar da coincidencia que moitos mostrabamos e seguimos mostrando co lema elixido para a presidencia española da Unión Europea, MÁIS EUROPA, temiámonos que había dous factores esenciais que ían supor un lastre na concreción do mesmo, en no desenvolvemento das medidas que favoreceran ese espírito.
Dun lado non parecía, e así se constatou, que tralo período aberto despois do 11 de Setembro, fora España o país máis idóneo para ostentar a presidencia da Unión, se se trataba de afondar na soberanía, de definir a Europa política e social, a súa cohesión, as súas prioridades, o avance das súas institucións, a necesidade dunha Carta Constitucional e por suposto de dotarse dunha política exterior diferenciada, única e de maior cooperación norte/sur. E doutro lado resultaba evidente que a postura conservadora e liberalizadora a ultranza do goberno Aznar, co apoio de Berlusconi e Blair, ía estar máis preocupada, e así o demostraba tanto o programa proposto pola presidencia española, como a axenda do cumio de Barcelona, na Europa das finanzas e na adopción de medidas que xeneralizasen a liberalización de sectores básicos da economía e o emprego, que na Europa social, dos servicios públicos e do incremento do benestar.
Así chegados ó ecuador da presidencia de poucos xestos podemos congratularnos e desde logo non de forma entusiasta. Falouse de crear 20 millóns de empregos de aquí ó 2010, iso si, fiándoo todo á liberalización, a precariedade e a mobilidade do emprego, (as respostas masivas de Barcelona e Roma deberían facerlles pensar), de reducir "de modo significativo" os índices de pobreza antes do 2010, sen dicir cómo, e de destinar un 0.39% do PIB do conxunto da Unión no ano 2006 para financiamento dos países en vías de desenvolvemento, (non esquezamos que había un acordo internacional de 1969 que comprometía o xa famoso 0.7%).
Moi pouca bagaxe para os 530 puntos a desenvolver nos 33 consellos de ministros previstos, ademais dos 3 cumios, 41 reunións ministeriais -unha cada tres días hábiles-, ou as 151 de nivel inferior -máis de unha diaria (como se asegura no programa da presidencia española da UE)-, moi pouco para asistir á Conferencia de Monterrey sobre Financiamento para o desenvolvemento e non falar da débeda externa, moi pouco para o citado 0.39%, cando Kofi Annan e o propio FMI recoñecen que faría falta o dobre. Moi pouco para avanzar na harmonización das políticas fiscais e orzamentarias. Moi pouco sobre políticas medioambientais e de preservación de recursos, amén do compromiso -¿cantas veces van xa?- de ratificar o protocolo de Kioto.
E é que non parece, lemas afortunados aparte, que se queira construír a Unión máis alá do libre tránsito de capitais e mercancías, (o de persoas está demostrado que non se garante, suspéndese a cada momento), porque como se demostra en cada presidencia non hai unha seria e firme vontade de dotar a Europa de uns órganos lexislativos e de goberno que respondan á vontade democrática da cidadanía, con poder suficiente para lexislar e exercer unha única política social, económica, de seguridades e de defensa. Unha política soberana nas súas decisións, que aposte pola paz e o goberno solidario dos procesos globalizadores.


Jesús Heredero. Xestora de ATTAC-GALICIA
Este artigo foi publicado en FARO DE VIGO o 1/03/2002


 

 

O CONCELLO DE MOAÑA APOIA A TAXA TOBIN

A iniciativa de ATTAC-GALICIA, o pasado 11 de Abril foi debatida e aprobada polo Concello de Moaña unha moción de apoio á Taxa Tobin, promovida polo concelleiro Xosé Euloxio Santos Leites (membro de EdeG). Convértese así Moaña no primeiro Concello de Galicia, en manifestarse a favor da necesidade de implantar a Taxa Tobin, concibida como un imposto sobre as transaccións especulativas do capital, e tamén como se di na exposición de motivos da Moción, nun dos necesarios mecanismos democráticos de control ós que deben ser sometidos os capitais e os mercados financeiros. En ATTAC-GALICIA, ó tempo que nos congratulamos por esta noticia, comprometémonos a seguir traballando para conseguir o maior número de apoios posibles das nosas institucións Públicas.


© ATTAC-Galicia 2002